Saturday 27 de April de 2024

O Concello solicita investimentos de máis de 1,5 millóns de euros con cargo ao POS para Sabugueira, Marrozos, Villestro, Marantes, Aríns, Bar de Arriba, Bar de Abaixo e Asidros


A Xunta de Goberno Local acordou participar no Plan provincial de cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) “POS+ 2023” da Deputación Provincial da Coruña, e pedir a aplicación da asignación que se solicitou por importe de 706.104,52 euros, cos que se financiarían catro actuacións no rural. A estas obras sumaríanse outras tres do Plan Complementario, cun orzamento previsto de 805.400,69 euros. En total, os investimentos previstos no rural con cargo ao POS para este ano 2023 contarían cunha achega de 1.511.505,21 euros.

Con cargo á achega provincial de 2023 financiaríase a pavimentación do lugar de Vilamaior, na Sabugueira; que conta cun orzamento de 391.468,71 euros; e a pavimentación da rúa das Baleixas, en Marrozos, á que se destinarían 47.231,83 euros. O investimento previsto nestas dúas actuacións é de 438.700,54 euros; dos que 428.050,06 serían financiados pola Deputación da Coruña, e o resto, 10.650,48, polo Concello de Santiago.

Con cargo á achega provincial de 2022 financiaríase a pavimentación dos lugares de Bar de Arriba e Bar de Abaixo e da rúa dos Asidros; que contan cun orzamento de 212.718,39 euros; e a pavimentación do núcleo interior do lugar de Pedrido, en Villestro, á que se destinarían 175.328,12 euros. O investimento previsto nestas dúas actuacións é de 388.046,51 euros, dos que 278.054,46 serían financiados pola Deputación da Coruña, e o resto, 109.992,05 polo Concello de Santiago.

O Goberno Municipal tamén aprobou o “Plan Complementario do ano 2023”, enmarcado tamén no POS, no que se inclúen os investimentos financeiramente sostibles, cun orzamento previsto de 805.400,69 euros, que corresponden a tres proxectos.

O primeiro, a senda peonil da travesía do Camiño Inglés no lugar de Cortos, en Marantes, cun orzamento previsto de 135.167,36 euros. O pasado luns, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; acompañado dos concelleiros de Medio Ambiente, Mila Castro; e de Obras e Mobilidade, Gonzalo Muíños, reuniuse cos afectados e afectadas aos que se lle solicitou a cesión de parte das súas parcelas para poder executar esta infraestrutura. Os propietarios das fincas do tramo dous, ao que corresponde este investimento, cederon de xeito voluntario e desinteresado parte dos seus terreos para a execución desta senda. Este tramo aproveitarase para instalar a rede de saneamento tal e como solicitaron os veciños e veciñas da zona.

As outras dúas actuacións incluidas no Plan Complementario, que está previsto comezar a executar a partir de abril, son as fases I e II de rexeneración do pavimento da calzada da rúa do San Martiño, en Aríns; que contan cun investimento de 347.720,85 e 322.512,48 euros, respectivamente.